Friday 29 de March de 2024

Deportistas do Club Kempo Pobra foron recibidos no Concello tralo seu paso polos campionatos de Portugal e Túnez


Tres ouros, tres pratas e catro bronces. Este é o palmarés acadado polo Club Kempo Pobra na Copa do Mundo da Federación Internacional de Kempo nas modalidades de Full Kempo e Submission (Portugal), cuxa delegación estivo integrada por Juan Vicente Figueiras, Yago López, Adrián Pego, Álex Pérez, Adrián Sánchez e Paula Ouviña. Aos mencionados logros hai que sumar outros tres primeiros, dous segundos e catro terceiros por parte de Adrián Pego e Paula Ouviña no Mundial de Kempo (Túnez).

Unha serie de distincións que contribúen á incrementa-la proxección da entidade deportiva e, polo tanto, da Pobra do Caramiñal tal e como puxeron de manifesto a concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo (Nós Pobra), e o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), na recepción institucional celebrada no salón de plenos do Concello na tarde deste 16 de maio e que tamén contou coa presenza da corporación municipal, así como de compoñentes do club, entre eles, o técnico Miguel Pérez, e familiares.

Ao finaliza-lo acto, fíxoselles entrega aos deportistas homenaxeados de cadanseu diploma e tamén recibirán como agasallo suadoiros serigrafiados cos logos da entidade deportiva e da Administración local.